mércores, 1 de xuño de 2016

Sequoia Sempervirens: unha gran árbore

O de gran árbore é porque é unhas das árbores máis lonxevas (ata 1200-1800 anos, con algúns exemplares de idades superiores) e máis altas (ata 115 metros de altura) e grandes do mundo. É orixinaria da costa norte de California, de zonas cun clima semellante ao de Galicia.

O certo é que resulta relativamente difícil atopar información sobre o seu cultivo, coidados, tempo de corta, terreos axeitados, etc... razón pola cal aínda non estou seguro de se sería boa idea plantalas, ou cal podería ser o seu rendemento comparado con outras especies como por exemplo a paulownia.

Aínda que algunhas cousas si sei despois de remexer e atopar cousas.

Primeiro hai dúas especies que se coñecen como secuoia, aínda que realmente só unha delas o é. A Sequoia Sempervirens é a secuoia de verdade, a veces chamada Redwood ou Coast Redwood nos Estados Unidos debido á cor da súa madeira e a onde se atopa. A outra especie é a Sequoiadendron Giganteum tamén coñecida como secuoia xigante, tamén procedente de California, concretamente da zona de Serra Nevada. O seu nome en galego é sequoia, aínda que a veces emprégase incorrectamente secuoia ou incluso secuoya.

Outra das cousas que sei é que se fixeron algunhas plantacións experimentais en Galicia, e que hai árbores soltas plantadas en diversos lugares de Galicia, sobre todo en xardíns. Tamén coñezo dous viveiros que venden a planta en Galicia.

Pero vaiamos por partes. Primeiro unhas fotografías da plantación que visitei, situado en Fontao, concello de Foz, Galicia, xusto entre o río Ouro e a estrada que vai de Fazouro cara Valadouro.


Sequoia Sempervirens, co resto da plantación detrás. Bosque de ribeira do río Ouro ao fondo.

A mesma sequoia, esta vez enfocando a copa.

Follas de sequoia en primeiro plano, plantación detrás.

Detalle de tronco de Sequoia Sempervirens, con pólas secas saíndo do tronco.

Detalle das copas.

No medio da plantación. O marco de plantación inicial parece que era de 3x2,6 metros.

Plantación en Fontao, Foz. Apréciase a tona de ton vermello de algunhas das Sequoia Sempervirens. Vese a gran separación que hai aquí xa que parece que se cortaron varias filas intermedias de sequoias.

A plantación en contraste cunha persoa de 1,65 metros de altura. Sequoia seca tirada no chan. Estas dúas filas están separadas uns 7,8 metros, posiblemente se cortaron outras dúas filas que teoricamente debería haber entre elas.

Sequoia nova brotando na plantación. Ao fondo vese o bosque de ribeira do río Ouro. Vaca e cuxo á esquerda pacendo no prado debaixo da liña eléctrica. Aquí parece que están máis separadas debido a que faltan algunhas árbores.

Na plantación hai árbores cun perímetro de 2,15 metros, o que implica un diámetro duns 65 centimetros, incluíndo a casca.

Esta outra ten un perímetro superior a 2,5 metros, o que implica un diámetro duns 80 centimetros. O certo é que só medín as sequoias máis grandes que vin preto de min.

A plantación está xunto a unha liña eléctrica e non hai moito cortaron moitas das árbores ao "limpar". Aínda así algunhas rebrotan.

Medindo esa mesma sequoia sempervirens. A zona máis escura do centro é a durame, que debería ser vermella, como se ve nas estelas verticais do centro.

Resulta que tiña un diámetro de 67 centímetros (sen contar a casca). A árbore tería uns 23 anos no momento de cortala.

Toro obtido como resultado da "limpeza" dos operarios da liña eléctrica.

Usando unha man como referencia. Aquí vese mellor a cor vermella da durame.

En conxunto esta plantación parece que non é perfecta, xa que faltan filas enteiras, parece que houbo taras e ademais ten unha liña eléctrica ao lado. O marco de plantación de 3x2,6 parece moi pequeno para a maior parte das árbores agora que xa sobrepasaron os 20 anos, polo que supoño que para que sigan medrando a bo ritmo habería que rarear un pouco. As sequoias máis grandes parecían estar xunto a ocos onde faltaban outras sequoias ou filas enteiras. A parte con mellor aspecto é onde parece que desapareceron dúas filas enteiras deixando un oco de 7,8 metros e as filas que había antes xunto a elas deixaron medrar as copas tapando ese espacio que había entre elas e engordaron os seus troncos.

Tamén sei da existencia de máis plantacións experimentais por documentos como este documento onde hai unha táboa listando un total de 9 plantacións de Sequoia Sempervirens en Galicia. Neste outro documento hai máis detalles.

Este outro documento contén resultados das plantacións de Fontao (a das fotos de arriba) e Daneiro (creo que está no concello de Zas, A Coruña). Non sei como interpretalos.

Deixando as plantacións experimentais á parte, en Galicia hai máis bosques de secuoias como por exemplo o Bosque de Colón, un regalo do congreso dos Estados Unidos no que se plantaron no ano 1992 un total de 500 secuoias como conmemoración do 500 aniversario do descubrimento de América e que se publicitou erroneamente como o bosque de sequoias máis grande de Europa, cando hai un bosque de secuoias máis grande e máis antigo en Monte Cabezón, Cantabria.

Ademais tamén hai diversas árbores soltas en diferentes partes de Galicia, sobre todo en xardíns públicos ou de pazos.

Se queredes saber algo máis sobre as sequoias en xeral e en Galicia podedes consultar a presentación dispoñíbel en http://adelaleiro.com/v/Cat%C3%A1logo-de-descargas/Temas/Plantas/Adela/As-%C3%A1rbores--as-secuoias/1195.aspx ou a páxina da Wikipedia https://gl.wikipedia.org/wiki/Sequoia.

Por último, en Galicia sei de dous viveiros que venden Sequoia Sempervirens:
Descoñezo a procedencia das plantas que venden, e polo tanto a súa liñaxe xenética.

Por último unha foto dos dous exemplares de Sequoia Sempervirens que plantei en abril de 2016:

Unha das dúas sequoias (28 de maio). Parece que en abril se lle queimaron case todos os brotes. Esta sequoia carecía de brote apical.

A outra sequoia (28 de maio), con menos pólas pero con brote apical e sen queimaduras. Ten uns 15 cm de altura. Parece desenvolverse axeitadamente.





Ningún comentario:

Publicar un comentario