domingo, 10 de setembro de 2017

Seguimento do diámetro das paulownias (I)

Hoxe medín os diámetros de todas as paulownias de seguimento. Lembremos cales era as seleccionadas para o seguimento:

Paulownias seleccionadas para o seguimento

As medidas tomadas dos diámetros das paulownias a unha altura duns 10 cm do chan son as seguintes (medidas en centímetros):

Día\Árbore A B C D E F G H I J K L M N
10 Set 2017
4,4
10,4
5,1
7,3
8,9
8,1
5,1
8
4,6
7,1
8,2
7,3
7,3
6,8


sábado, 9 de setembro de 2017

Diámetros das paulownias

Este ano non estiven medindo a altura das paulownias. O certo é que se medraron en altura medraron pouco, sobre todo comparado co ano pasado. Iso si, as paulownias ocupan máis superficie xa que botaron pólas cara aos lados e teñen moitas máis follas e máis pequenas que o ano pasado. O resultado é que os troncos engordaron.

Aínda así o feito de fresar no inverno estragou bastantes raíces e creo que iso afectou negativamente ao seu crecemento durante este ano. De feito bastantes das raíces botaron brotes. Ademais este ano o tempo estivo raro xa que no inverno non fixo moito frío nin choveu moito, e ata veu calor cedo, e despois na primavera viñeron xeadas tardías, e nin na primavera nin no verán tampouco choveu.

Así que hoxe collín un pé de rei e fun medir o diámetro de algunhas das paulownias a ver se este ano se pode recepar xa. As medidas están tomadas a uns 10 cm do chan, máis ou menos.


Diámetro da paulownia de seguimento A: 4,4 cm.

Diámetro da paulownia de seguimento B: 10,4 cm. Hai que ter en conta que xa era a que viña máis medrada ao plantar.

Diámetro da paulownia de seguimento C: 5,1 cm.

A paulownia de seguimento I ten un aspecto mellorable. A sombra e a competencia dos eucaliptos parece que non lle presta.

Porén o diámetro da paulownia de seguimento I non é para tirar foguetes: 4,6 cm.

A paulownia de seguimento N medrou bastante ao ancho.

Diámetro da paulownia de seguimento N: 6,8 cm.


Vista do centro da plantación. As paulownias que se ven terán entre 2,5 e 3 metros, a ollo.

Vista do bordo da plantación onde se ve que hai varias paulownias que non medraron case nada.

Ademais tamén fun medir a outra paulownia que plantei nunha leira próxima.

Diámetro da paulownia da outra leira: 6,4 cm.

Estado da paulownia da outra leira.

En xeral parece que as paulownias máis atrasadas están nos bordos da plantación, supoño que debido a que teñen máis competencia ou máis sombra. De feito a paulownia da que falaba na entrada anterior que tiña mala pinta parece que morreu, e estaba no bordo da plantación.

No tocante á maleza arredor das paulownias medraron herbas, toxos, silvas, codesos, a veces incluso rodeando ás paulownias a pesar de que cando se abonou se lle sacharon as herbas arredor daquelas paulownias que tiñan máis competencia.

A ver se máis cedo que tarde podo ir facer unha medición máis exhaustiva de todas as paulownias de seguimento, incluíndo diámetro dos troncos e a altura.

venres, 23 de xuño de 2017

Fotos do estado da plantación

Onte fun dar un paseo unha vez que as temperaturas tan altas que tivemos esta última semana baixaron a valores moderados e aproveitei para tirar unhas fotos:

Vista desde a esquina noroeste.

Vista ao través, desde o noroeste.

Vista da paulownia de seguimento B.

Xa hai follas dun tamaño considerable.

Este ano as paulownias teñen unha chea de follas e de pólas.

Esta é a única paulownia que ten mala pinta. Parece que os troncos secaron, pero rebrota no chan.

Vista dos brotes da paulownia.

Outra vista da plantación desde a pista.

Ultimamente as temperaturas estiveron moi altas e non choveu case nada. Ata en Portugal houbo un incendio devastador que matou a varias ducias de persoas. Durante as vindeiras semanas hei ir tomando máis fotos e medidas das paulownias.

martes, 20 de xuño de 2017

Abono

Entre maio e xuño abonouse a plantación con 150 gramos de 15-15-15 en cada paulownia. Non lembro as datas exactas.

domingo, 11 de xuño de 2017

Rebrotes despois da xeada


A plantación empezou a rebrotar despois da xeada destructiva a finais de abril. Estas son as fotos do estado da plantación o 17 de abril de 2017 (si, xa sei que publico con bastante atraso):


Brotes e follas secas resultado da xeada.

Mellor vista fo resultado da xeada.

Paulownia con brote ao pé resultado de tronzar raíces ao fresar.

Máis brotes no chan. Fresar puido non ser boa idea.

Máis brotes arredor da paulownia.

Círculo de brotes no chan. Chegaron a saír ata a 2 metros da árbore.


Agora mesmo todas as paulownias (agás unha) rebrotaron correctamente e teñen un gran número de follas. Esta semana agárdanse temperaturas altas, así que conto con que as paulownias empecen a medrar con forza.

mércores, 3 de maio de 2017

Xeada destructiva

A semana do 25 de Abril houbo varios días de bastante frío e produciuse unha xeada bastante destructiva. Afectoulle a toda a plantación de paulownias e basicamente queimou todas as follas e pólas. Ademais tamén lle afectou a outras árbores, vides, e incluso queimou os fieitos. Non foi só aquí senón que en toda Galicia houbo unhas perdas históricas no sector do viño. Vin a desfeita xusto cando ía sacar unhas fotos para que se vira o bonita que estaba a plantación, e volver volvín con fotos, pero non as que me gustaría ter tirado.

A continuación algunhas fotos das paulownias:

Foto da plantación mirando cara ao leste.

Outra vista da plantación.

Outra máis.

Estado da paulownia de seguimento B.

Detalle da paulownia de seguimento B.

Estado dos brotes da paulownia que rompeu en Febreiro ao cairlle enriba a copa dun piñeiro.


A pesar do estado lamentable da plantación aínda houbo algunhas paulownias que conservaron algunhas das súas follas ou pólas:

Sobreviviu un pequeno brote xusto na base.

Pequena póla aínda verde.

Na fila que queda cara o leste varias paulownias conservaron brotes verdes.

Paulownia na que sobreviviu un brote baixo.


O ano pasado tamén viñera unha xeada xusto a comezos de Abril e estragou a paulownias recén plantadas, así que sabendo que son capaces de rexenerarse conto con que volvan brotar.

sábado, 15 de abril de 2017

As paulownias xa brotaron

Xa hai varias semanas que as paulownias comezaron a brotar, coincidindo con estas semanas con temperaturas anormalmente altas, e tamén con pouca chuvia. Primeiro unhas fotos do 25 de marzo de 2017:

Paulownia brotando.

Paulownia de seguimento B brotando tamén.

Detalle de brotes da paulownia de seguimento B.

Brote en contraste con man.


Agora algunhas fotos do estado da plantación a 13 de abril de 2017:

Vista da plantación, paulownia de seguimento A en primeiro plano.

Outra vista, paulownia de seguimento B á dereita.

Paulownia de seguimento B.

A mesma desde outro ángulo.

Vista da plantación, persoa ao fondo.

Outra vista da plantación desde a pista.

Vista desde a esquina norleste da plantación. Si, a paulownia en primeiro plano é bastante máis baixa que o resto da plantación debido a que non medrou moito, quizais debido a que o terreo non estaba revolto no momento da plantación ou quizais pola competencia.


Este ano non houbo xeadas en marzo nin no que levamos de abril, e a pesar de que estes últimos días arrefriou non se agardan xeadas, aínda que quizais si algo de chuvia que xa empeza a ser necesaria.

Tamén se retiraron as dúas copas de piñeiro (aínda que inicialmente parecía só unha) que cairon na parte sur da plantación debido ás tormentas a comezos de febreiro, e que tronzaron unha das paulownias. Afortunadamente a caída só afectou a unha paulownia que xa está rebrotando. Para quen teña curiosidade o tronco roto ten unha feitura semellante ás canas de bambú, con ocos e tabiques interiores.

Dentro de pouco tamén tocará volver abonar a plantación para que no verán medren con forza. Pero iso xa queda para outra entrada.